BDG70: a revolta do cómic galego

bdg70_1-metropoles-delirantesHai algo máis dun ano Xulio Carballo presentaba a súa tese doutoral, Para unha historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual, un excelente texto para entender o traballo e o contexto dos primeiros autores de BD do país, e tamén a primeira tese centrada na nosa BD,  agora, grazas á colaboración e apoio da UDC e a Deputación da Coruña e ao empuxe do propio Xulio, de Manel Cráneo e Demo Editorial “a verba fíxose carne”.

Onte inaugurouse na Sala Normal da Coruña a mostra BDG70: a revolta do cómic galego. Unha exposición na que se poderán contemplar os orixinais da BD galega deses anos setenta, obras de 27 autores como Reimundo Patiño, Xaquín Marín ou Chichi Campos, entre outros, que volven a luz despois de moitos anos de esquecemento.

bdg70_2-metropoles-delirantesA mostra recolle as obras e documentos máis importantes e característicos do nacemento contemporáneo da banda deseñada Galega, que tería precisamente unha das súas primeiras exposicións na Sala Normal hai 43 anos. Poderemos comprobar e admirar a riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos.

Esta exposición reivindica a gran cantidade de artistas que nos derradeiros alentos do período ditatorial utilizaron a BD como medio de expresión do seu pensamento, e fixérono amais na nosa lingua.

bdg70_3-metropoles-delirantesManel Cráneo, Xulio e o seu equipo fan con esta mostra un importantísimo labor de posta en valor, reivindicación e homenaxe aos pioneiros desta arte que non só é merecido polo seu valor como pioneiros senón pola indiscutíbel calidade do seu traballo e a dimensión simbólica e reivindicativa que non renunciou a vangarda artística.

Probablemente esta sexa a exposición de BD máis importante das feitas en Galiza, que agardamos poidamos ver nas diferentes cidades do país.