As lecturas do Sr B: I.D.

Aquí en Español.

Que Emma Ríos xa está na lista de grandes nomes da banda deseñada está fora de dúbida, mais se ata agora a súa faceta como debuxante era a máis coñecida, con este I.D. pon enriba da mesa as súas credenciais de autora completa e confirma o que xa sabiamos os admiradores do inconcluso APB, é tan boa no guión coma no debuxo.

Da man de Astiberri, chéganos este excelente libro de ciencia ficción que foi publicado de xeito seriado en Island (Image Comics), a revista editada nos USA que Emma codirixe con Brandon Graham.

I.D. é unha distopía na que a autora plantexa unha dúbida tan complexa como inherente ao ser humano, a da desconformidade co propio corpo e como esta afecta á propia identidade, abre así nesta historia unha “caixa de Pandora” con multitude de frontes, éticos, psicolóxicos e humanos.

Partindo da premisa de que a identidade reside no cerebro e nun un escenario no que o transplante de tal órgano é factible, a empresa que fai esta intervención busca voluntarios para someterse á perigosa operación, as tres persoas candidatas quedan nunha cafetería para coñecerse e compartir as súas inquedanzas, Noa é un home atrapado no corpo dunha muller, Miguel quere fuxir dun pasado conflitivo e Charlotte afirma que quere cambiar “porque está soberanamente aburrida” aínda que esta razón semella ser tan feble como falsa. Cada un destes personaxes ten unha motivación suficientemente forte para arriscar a vida nun tratamento moi complexo medicamente e ultra complexo ética e psicoloxicamente.

Os tres personaxes dotan dunha forza especial á historia, axiña podemos identificarnos con algún (ou con todos), proba de que están ben definidos e encaixan nunha historia breve pero espléndida.

Emma Ríos acada un nivel excepcional na conxunción do guión co debuxo, deixa respirar as páxinas co texto xusto e desde as primeiras páxinas dálle ao lector o seu propio espazo, abre moitos interrogantes que non pecha, que cada un de nós respostaremos establecendo un dialogo coa historia e retrata rapidamente con sutís pinceladas unha sociedade ambientada nun futuro indefinido no que o mundo non parece ser mellor, no que perduran moitos dos problemas actuais que seguen a resolverse da mesma forma, con violencia policial ou con cartos suxos.

Aínda que é unha historia breve para os estándares do cómic actual, a Ríos dálle tempo a deitar dúbidas, amais das propias dun tratamento tan agresivo, sobre certos aspectos das sociedades modernas, a prensa, a soidade, o financiamento e a ética dos grandes complexos médicos-farmaceuticos.

Ríos xoga neste libro coas súas influencias do manga, cun trazo vigoroso, coas composicións de páxina arriscadas, heteroxéneas, as calles entre viñetas aparecen e desaparecen, separan viñetas ou as veces dividen unha ilustración en dous, cambian de cor, utiliza a superposición dos cadriños, en fin, experimenta co aspecto gráfico do libro sen complexos e despregando un sen fin de solucións que lle aportan un dinamismo extraordinario. Outro aspecto curioso é a cor, utiliza un bitono vermello que é unha aposta arriscada, e ao noso entender, acertada. Mención aparte merece a portada, dunha elegancia e sutilidade marabillosa e delicada e cun onírico significado no que se unen as polas dunha árbore e as terminacións neuronais.

Proba da seriedade coa que aborda Ríos os proxectos é que buscou o asesoramento do neurólogo Miguel Alberte Woodward, que firma un texto final de divulgación que axuda moito a entender a complexidade do tema que aborda esta banda deseñada.

Esta recensión foi publicada en setembro de 2016 na revista Tempos.