As lecturas do Sr B: La casa, crónica de una conquista

Aquí en español.

Nestes últimos meses apareceron ata tres obras de banda deseñada que teñen como leit motiv o espazo que habitamos, “Aquí” de Richard McGuire, “La  Casa” de Paco Roca e “La casa, crónica de una conquista” de Daniel Torres. Calquera das tres son obras superlativas, cada unha no seu espazo, no seu estilo e ao xeito do seu autor, todas acadaron moi boas críticas e aceptación do público.

Máis eu penso que a máis superlativa das tres é a de Daniel Torres, un tomo de case que 600 páxinas divididas en 26 capítulos nos que o autor fai un exhaustivo percorrido pola historia da casa; na realidade é máis, porque non se pode disociar a casa, o concepto de lugar de protección e acubillo, dos seus habitantes, claro, a transformación do espazo está necesariamente xunguida a evolución dos seus habitantes e viceversa.

Parece absurdo, pero penso que aínda hoxe os teóricos non se poñen de acordo en quen cambia a quen nesa ecuación sempre complexa que formamos humanos, hábitat, historia e progreso, o que está claro é que dende os tempos das cavernas ata estes tempos modernos de urbanizacións, bloques e arquitectura de “deseño”, os humanos pasamos por moitos momentos, necesidades e solucións para un mesmo problema, a vivenda.

Esta crónica dunha conquista foi un encargo do seu editor, Rafael Martínez e Daniel Torres pasou seis anos para rematar o traballo, tres anos de documentación e outros tantos de traballo de lápis. Nótase nidiamente o amor que Torres sinte pola arquitectura, a documentación é impresionante e o xeito no que o fai arte é simplemente maxistral, un alarde de dominio da linguaxe da BD, o valenciano bota man de todos cantos recursos ten, ilustración, textos impecábeis e viñetas que nos levan pola historia coma un hyperloop, unha máquina de alta velocidade desas modernas que ao longo dos séculos cambian o devir da nosa existencia, que a non tardar moito vivirá outro (si este tempo non é xa) cambio brutal.

Ao longo das 26 historias o estilo gráfico de Torres vai mudando para adaptarse perfectamente a un guión que ten tanto de historieta coma de lección de humanidades, de teoría da construción, de teoría da evolución, detallista ata o extremo e non falto de interesantes reflexións sobre nós os habitantes e o espazo que Le Corbusier proclamou coma “maquina de vivir”.

Remata o libro cunha historia, a única de total ficción, que teoriza sobre o futuro fogar no que vivirán as vindeiras xeracións e faino confrontando de xeito ben intelixente dúas posturas ben alonxadas e deitando serias reflexións sobre o progreso e a inxustiza social que xera pese ao modernismo planificador que todo estuda, e semella, nada comprende.

Reza a contra capa deste volume que non é “un libro de historia nin un tratado de arquitectura nin un ensaio antropolóxico”, e non, é unha banda deseñada, pero con maiúsculas, das que se publican poucas cada década, un libro que coma unha meta homenaxe ao medio, é todas esas cousas e tamén un compendio de arte secuencial unha lección maxistral de comunicación, de narración, de deseño e de didáctica. Esta é unha obra fonda marabillosa, saborosa, de re lecturas, unha obra imprescindible para os amantes da banda deseñada e aínda máis se iso e posíbel para os amantes da arquitectura.

É sobre todo unha declaración de amor a este medio e as posibilidades que ten.

Esta recensión foi publicada en outubro de 2016 na revista Tempos.