Sempre son os mesmos

Vivir na Coruña que bonito é, xúrovolo, na Coruña non hai problemas, non hai desafiuzamentos, nin pobreza; ningunha familia ten que escoller entre comer ou pagar a luz, de seguro que ningún estudante tivo que deixar a universidade polas subas das taxas, e mesmo é probable que ningún coruñés con moitos títulos e másters e áxil falador de idiomas europeos, ou mesmo asiáticos, tivese que marchar a outro país a traballar de calquera cousa como xa fixeran os seus avós noutros tempos.

Pero hai unha pequena comunidade de xente que non goza da marabillosa cidade, “figuraté”, ata teñen que escoitar a lingua esa tan molesta é difícil de entender que fala “Suyo”. Esa pobre xente que vive nun continuo apocalipse marxista que vai converter a Praza de María Pita nunha praza da revolución mañá mesmo, ou espera, será pasado mañá, ou o mes que ven, da igual cando, pero vai pasar, “de verdad Pitita”.

E agora un cartaz de entroido con caricatura e máscara, inaudito!

Unha magoa, sempre son os mesmos os que ven as ofensas, e sempre son na arte, na ciencia, no amor, na lingua, na liberdade. Sempre son os mesmos pero nunca se ofenden polas recalificacións, os pelotazos urbanísticos, as obras innecesarias e megalómanas, os sobrecustes que multiplicaron cinco veces o orzamento inicial de case todas, a violencia contra as mulleres, os casos de pederastia na igrexa ou as leas de toda índole da monarquía. Iso son mamandurrias que dixo a señora marquesa que non sabía que o portugués cun nobel de literatura, era home, era escritor, e non era mago.

Sempre son os mesmos, sempre fan moito ruído e presumen da tolerancia da que adoecen, sempre son os mesmos os que ven a ofensa na arte, sempre son os mesmos os que falan da liberdade como se fora súa. Son os que a tiveron presa durante séculos, e son sempre os mesmos.

Eu estou con Guitián.