As lecturas do Sr B: Permanezcan en sus asientos

Aquí en español.

A trasnada xenial de Jano.

O coruñés edita coa imprescindíbel e xeitosa editora viguesa Fosfatina este cómic de exquisita factura, que xa avisa cunha portada de elegantes cores e de atractiva finura compositiva. Segue a actual moda das tintas metalizadas, neste caso prateado, que combinado co marrón e o negro e un papel de atractiva textura fan que o efecto chamada da capa sexa irresistíbel.

Jano desenvolve neste libro tres sorprendentes e fantásticas (por non dicir psicotrópicas) historias curtas que conflúen nas páxinas finais. Tres historias con certo nimbo misterioso que deixan espazo para a propia elucubración e que sen dúbida darán algunha volta polas nosas cabeciñas buscando as solucións aos misterios que nos propón o autor.

Co seu peculiar estilo e un ritmo case que fixo de catro cadriños por páxina, interrompido as veces por marabillosas ilustracións a páxina completa, este libro é unha obra valente, audaz e estilísticamente fermosa. Jano acentúa a súa visión do cómic da que xa foi avisando con magníficas obras coma Operario ou Nacho Camacho.

Jano deixa as veces a soidade do corredor de medio fondo, só un intre para mirar arredor e deixarnos un libro que é pura elegancia “mod” remesturando historias que ben poderian ser dunha peli da Hammer. O trazo sinxelo e liñas rectas, un manexo espectacular das sombras e das masas de negro fan de Jano un autor cun discurso creativo propio alonxado das modas da BD actual e porén, cunha carreira que decorre alonxada do “mainstream” que fai deste constructivista das viñetas un dos máis interesantes autores galegos.

Este libro de 48 páxinas en branco e negro conta tanto nos silencios coma nos textos, é sinxelo mais só aparentemente, é lixeiro, o que permite lelo axiña, porén o cerebro pedirache volver, reler, admirar, parar na excelencia gráfica. Sen dúbida é un libro para padais exquisitos, unha delicatessen na que Jano sublima a súa mestría gráfica e narrativa, que Fosfatina fai realidade cun gusto e unha calidade moi bos.

Esta recensión foi publicada en novembro de 2016 na revista Tempos.