As lecturas do Sr B: El olor de los muchachos voraces

Aquí en español.

O western coma o mecanismo dun reloxo suizo

Frederik Peeters é un dos grandes nomes da banda deseñada europea, o seu nome vai de xeito indefectíbel xunto ao “Pílulas azuis”, o libro que o fixo coñecido e no que con grande sensibilidade contaba como é convivir con alguén que é portador do virus da SIDA, e como afecta isto a unha familia, que amais, é a súa.

Comezou co pílulas unha carreira que non fai máis que medrar en calidade a medida que medra a súa produción, Peeters vaise superando con cada libro e variando de rexistro como poucos se atreven, da obra social á ciencia ficción ou desta ao policíaco, e agora, ao western.

Para este novo salto adiante faise acompañar nos guións por Loo Hui Phang, unha (ata agora descoñecida aquí) artista multidisciplinar que leva case vinte anos facendo guións para BD.

A acción deste “El olor de los muchachos voraces” situase en Texas no 1872, xusto despois de rematar a guerra de secesión, cando o goberno reactiva as campañas de exploración do lonxano oeste.  Stingley, un cínico personaxe con escuras intencións, ansía facerse cun inmenso terreo onde crear una nova sociedade, acompáñano o fotógrafo Oscar Forrest, contratado para documentar a aventura e o rapaz Milton, criado da expedición.

Nese fermoso entorno axiña comezan a pasar cousas misteriosas, o perigo agochase detrás de cada pedra, así, o trío protagonista terá que ter especial coidado coa natureza e cos comanches, que poden ser aliados e inimigos case que ao mesmo tempo.

Este non é un western clásico, aínda que ten todo o que se lle pode pedir a unha historia do oeste, pistoleiros, indios, grandes paisaxes, emoción e épica. Mais neste libro poucas cousas son o que parecen e hai máis de reflexión que de aventura, a guionista moi habilmente despraza a historia a máis de cen anos atrás para descubrirnos que hai temas que son imperecedoiros e que, salvando as distancias, os prexuízos, o egoísmo e a avaricia son compañeiros da humanidade polos séculos, porén, afortunadamente, tamén a amizade.

Ata aquí case que só debullamos méritos do guión, que é excelente, mais o traballo no debuxo de Peeters é notábel, probablemente é o seu traballo mellor debuxado pero sobre todo o mellor coloreado, a riqueza dos tons escollidos realza aínda máis o excelente traballo do encadre e a pura narrativa gráfica.

Phang e Peeters asinan neste western un libro magnífico, unha historia heteroxénea na que de xeito valente abordan tamén temas coma o capitalismo mesiánico, a sexualidade, ou a misoxinia, mais, de tal xeito que non só encaixa todo coma o mecanismo dun reloxo suízo, senón que son quen de facer que todo o libro funcione coma tal, como unha perfecta máquina do tempo das que nos poden transportar ao século do que veu o mamarracho de Trump.

Esta recensión foi publicada en xaneiro de 2017 na revista Tempos.