As lecturas do Sr B: Escapar. Historia de un rehén

Aquí en español.

Ser refén é peor que estar na cadea

Guy Delisle é un deses autores que foi quen de saltar a barreira do cómic e chegar a lectores non habituais do medio, de feito é un deses que coñecen os plumillas culturetas que só escriben de BD tres veces no ano.

E isto quizais porque consideran que o feito de que autores como Delisle ou Joe Sacco mestures a BD co xornalismo implica un estamento que dignifica todo o que toca (salvando os seus propios traballos).

Mais tamén pode que sexa polo xeito que ten Delisle de contar as historias, a medio camiño entre o relato xornalístico e a comedia de Berlanga que el sabe mesturar nas proporcións precisas en cada un dos seus libros. Tamén, talvez, porque embaixo da capa de sarcasmo e trazo sinxelo e caricaturesco hai un sólido narrador dispara con certeira seta.

Esta nova obra do Quebequés retoma, aínda que de xeito tanxencial, o tema dos cooperantes. O protagonista é Christophe André, empregado dunha de una ONG que é secuestrado na Chechenia en guerra dos anos noventa. Christophe pasa máis de tres meses retido, case todo o tempo pechado nunha habitación baleira, deitado nun colchón e encadeado a un radiador. Só ve aos seus carcereiros nas horas de comer, un par de veces ao día, e nin sequera pode comunicarse con eles porque non fala o seu idioma. Nesta situación o tempo pasa amodo e todo se relativiza, ata o punto de que o momento de recibir unha raiola de sol na cara ou de atopar un anaco de carne na sopa diaria pode agochar un intre efémero de felicidade.

Delisle debulla as tribulacións e inquedanzas do día a día dunha persoa que non sabe nin onde está nin que vai ser del, que non pode comunicarse con ninguén e que ten unha loita permanente co seu propio maxín para manterse cordo. Transmítenos de xeito directo e efectivo as sensacións, medos, dúbidas e mesmo impulsos de ira ou resignación que ten o refén.

Case 400 páxinas que transmiten perfectamente o tedio e a intranquilidade da incerteza a través da rutina e o illamento, o libro vai nun continuo “crescendo” ata o final e fai que acompañemos cada dúbida do protagonista preguntándonos con el, cando sairá de aí.

O traballo de Delisle no debuxo é algo máis realista do que é habitual nel. Unha grata sorpresa, pois sabe manexar o equilibrio entre ser máis figurativo e non perder a capacidade sintética do seu trazo. É ben meritorio tamén o traballo de narración gráfica pois hai que lle dar moitas voltas a como debuxar unha habitación sen mobles e, na meirande parte do tempo, cun só personaxe que está atado a un radiador e non se pode mover. O autor usa perfectamente cada recurso, cada pequeno detalle, cada raiola de sol, cada son, cada pensamento ou esperanza para manter o ritmo e atraparnos nunha voráxine lectora que mantén a intriga ata as derradeiras páxinas.

Esta recensión foi publicada en marzo de 2017 na revista Tempos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *