As lecturas do Sr B: Insecto

Aquí en español.

Amor disléxico.

Vivimos nunha sociedade hipersexualizada, mais iso si, sempre dentro duns cánones, a moral e a tradición nacional-católica aínda teñen demasiado peso neste estado que é cada vez máis carpetovetónico douspuntocero. Insecto é un fermoso libro de temática erótica de María Llovet, debuxante Barcelonesa cun dinámico estilo manga, que aborda as relacións diferentes.

Insecto conta a historia de Lea e Lucas, dous irmáns adolescentes, ela, rebelde que goza coa provocación, en loita constante coa nai, e el, calado e disléxico, os dous viven unha relación carrusel, de sentimentos incontrolábeis, que os levan a un “amor fou” que causará escándalo en mentes vetustas de visón e misa de doce e fruición nas máis abertas, aventureiras e soñadoras.

Por desgraza xa non se publica moita BD de temática erótica que saia ao circuíto máis xeralista, pero está marabillosa e breve (para o que se estila na actualidade) obra, conecta coa mellor Valentina do mestre Crepax e coas historias máis morbosas doutro mestre italiano, Milo Manara. María Llovet combina sabiamente estas influencias europeas coas xaponesas para crear un libro moi atractivo visualmente, explotando con moi bo criterio o branco e negro, cun estilo áxil, claro e coa dose xusta de tramas para enriquecer o debuxo.

Llovet apela aos sentimentos, á aventura, ao amor prohibido, cunha narración pausada, na que recrearse nos detalles, cun trazo delicado que se opón dinamicamente á tensión sexual que hai en toda a obra, con momentos autenticamente deliciosos de voyeurismo e provocación.

A autora manexa con precisión e sensibilidade exquisita as personalidades dos protagonistas e a situación na que están inmersos, a dualidade entre o que socialmente está mal visto e a súa necesidade de amarse, que ao fin non é máis que un desexo absoluto de liberdade. Cos diálogos xustos e unha exacta utilización dos silencios a obra está revestida dunha poética marabillosa na que o lector ten tempo e espazo para o goce e a propia reflexión.

Un libro valente que prescinde do politicamente correcto para mergullarse nun universo rico en sensacións e sentimentos, no real, sen os filtros da realidade.

Esta recensión foi publicada en abril de 2017 na revista Tempos.