As lecturas do Sr B: Hernán Esteve

Aquí en español

O labirinto da propia vida e o alter ego como terapia.

Esta nova obra de Hernández, vello coñecido da escena fancineira hispana, está editada pola granadina Libros de Autoengaño e ten un declarado ton autobiográfico. Nun exercicio de desdobramento e de sinceridade brutal o autor ispe o corpo e a alma, e a través dun alter ego, Hernán, e do seu propio personaxe vai debullando cousas da súa vida nas que calquera pode recoñecer a súa infancia, a súa xuventude ou a súa madurez, ou todas a un tempo, porque o libro ten algo de xeracional.

O amor e a amizade, ou a confusión de ambos, que só se pode diferenciar coa distancia da madurez, a manipulación dun adolescente, a inocencia, e porén, a súa perda, estes son algúns dos momentos vividos que Esteban deita nesta obra, un libro que se antolla valente polo que ten de exhibicionista, de berrar certa normalidade oculta e de poñer en cuestión o transcorrer da propia vida. Un exercicio de auto psicoanálise que pode chegar a ser tan imprescindíbel como suicida ou tan innecesario como salvador.

O estilo de Hernández vai cara a caricatura-realista ou máis ben a realidade caricaturizada, nun recurso gráfico que tamén (e tan ben) manexa o italiano Zerocalcare, a hipérbole gráfica a xeito de transposición do recurso que tan bo resultado lle deu a Woody Allen, levar a súa propia imaxe e personalidade ao hiperbólico como xeito de establecer unha separación do real coa realidade, algo que autores con habilidade para o humor e a esaxeración son quen de converter nun excelente vehículo de transmisión de sentimentos.

O libro está feito cun bitón azul que non só agradábel senón que ten unha certa función narrativa, a cor ou a súa ausencia subliñan momentos, agradécese este estilo que alixeira visualmente a carga metafórica e de cotidaniedade delirante, e por tanto, real que ten o guión. Tal vez o único aspecto mellorábel está precisamente nesta parte, no guión, que peca dun exceso de intención metafísica que non acada, o ritmo narrativo está lastrado pola total ausencia de palabras da primeira parte, sen dúbida unha aposta forte, radical, pero que non deixa de ser un alarde que lle senta mal ás pretensións filosófico-narrativas do autor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *