Demo Editorial levará 75 títulos galegos ao Graf Cómic de Madrid

Que Manel Cráneo é un dos santiños que máis devocionamos nas metrópoles xa o sabedes todas pero e que sen Demo editorial a BD galega estaría moi coxa.

A editora coruñesa é un motor da creación e un importante apoio para a nova BD galega. Este ano lanzou a nova colección BDG13, unha serie de antoloxías monográficas de sinaturas galegas estreada co título Licor café no pasado mes de agosto, un título xa imprescindíbel que reune a 13 autores da Nova banda deseñada galega.

Agora, seguindo con esta liña de apoio á creación do país, Demo Editorial leva ao GRAF de Madrid, onde estará presente cun stand, máis de medio centenar de fanzines e títulos autoeditados en galego e castelán que deste xeito terán presenza no festival madrileño. A editorial galega destinará o 50% do seu espazo á venta a apoiar a autores e autoras de banda deseñada emerxentes do panorama galego baixo o nome de “NOROESTE BD. Cómic desde Galicia” e non cobrará custos de aluguer nin persoal comercial e o importe íntegro das ventas irá aos seus autores, o selo editorial coruñes pretende así afianzar a súa línea de apoio e promoción ás novas xeracións da BD galega.

O director editorial Manel Cráneo ten claros os seus obxectivos: “Sendo unha editorial pequena e independente non podemos asumir todas as novidades editoriais que entran pola nosa porta así que andamos sempre na procura de reforzar o noso apoio aos autores emerxentes con iniciativas que permitan que os seus traballos personais ou colectivos teñan novos escaparates.” ademáis, o editor denuncia a falta de apoio institucional na produción de banda deseñada en Galicia, “non hai unha estratexia seria e firme para a Cultura Galega acorde aos tempos que corren e que atenda ás necesidades do sector gráfico da banda deseñada que a nivel autoral vive unha época dourada e de máximo explendor na que as meirandes figuras non poden ser profestas na súa terra porque non reciben apoio ningún.”

A cantidade total de publicacións de cómic galego que estarán presentes no stand é de 75 títulos e máis dun centenar de autores/as tendo en conta a selección de obras que levará a propia editorial, unha acción sen precedentes que ademáis de estar dirixida polo editor conta coa coordinación do historiador e divulgador especializado en banda deseñada David Calviño.

 Algúns dos fanzines que estarán presentes na feira son: Altar Mutante, Compota de Manatí, ¿Hay alguien ahí?, Red Bricks, McCactus, (∞ – 1), Cruel y estúpido, Pantocrátor 3000, Young Saviors, Hood, Diario de un debuxante, Andómedas Debuxadas, Míticas, Sombra, Muhômono Outlaw, Galaxy Girls, Espabila, Miputarca, Sin título, Yo controlo, F, O asubío das fouces, Por un saco de patacas, O voo da vacaloura, Salustio en Norteamérica, Tinta 2, Puño, Bosviac. In-Forme, Te vas a morir, No Tocar, etc.

Grazas a Demo Editorial por esta iniciativa sen precedentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *