As lecturas do Sr B: Lobada

Aquí en español.

Operación Kartoffel.

Lobada é unha historia de intriga que acontece nos tempos da Segunda Guerra Mundial cando o País estaba inzado de espías de ambos bandos. Os nazis precisaban o wolframio galego para alimentar a súa maquinaria bélica e algúns empresarios da elite franquista comerciaban con este mineral que sacaban das minas a custes ínfimos, con man de obra de prisioneiros políticos na meirande parte, para enriquecelos a eles e ao o xenocida de voz afrautada e maldade de percusor doado.

En Lobada os vigueses Xosé e Ramón Trigo contan como o mesmo Himmler, xefe das SS, envía a Otto Ranh, o seu investigador paranormal en “nómina”, ata Vigo para facerse coa cura para as enfermidades venéreas coa que unha curandeira galega sandou aos enxeñeiros alemáns destinados nas minas. Ao mesmo tempo teñen que darlle solución aos problemas que os fuxidos ao monte ocasionan co estraperlo do valioso mineral e as sabotaxes.

Lobada segue o estilo gráfico dos anteriores traballos desta parella creativa, ese xeito de debuxo a lapis excelente que dota ás historias que nos contan estes dous autores dunha atmosfera escura, dun noir moi atractivo e perfectamente executado. Tamén intercalan algunhas páxinas nesa liña escura e sombría que esvaece as contornas coma a néboa no mar, co que acadan unha atmosfera de misterio que lle vai perfecta á narración. O guión tal vez peca de pasar pola historia andando nos bicos dos pes, de seguro daría para un libro máis denso e longo. Tanto o tema como o momento histórico son abondo atractivos para afondar no relato e facelo máis extenso.

A edición é correcta, en papel de calidade e cun prezo moi axustado mais ten lagoas incríbeis, algún erro do prelo, algún ortográfico, e o rebumbio de tipografías empregadas na rotulación que chega ao extremo de usar a controvertida e sempre evitable cómic sans para os diálogos, o que obriga a un exercicio de concentración fondo, e evidencia que a figura do editor é tan urxente coma necesaria nestas edicións institucionais.

Esta obra foi finalista no ano 2014 do Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación da Coruña, ano no que os méritos da obra gañadora foron cualificados de discutíbeis por un amplo sector da banda deseñada galega.

Esta recensión foi publicada en xullo de 2017 na revista Tempos.