Arquivo da categoría: Opinión

É imposíbel un Galician fever?

spanish-fever-metropoles-delirantesNo ano 2013 a editorial Astiberri publicou un tomo antolóxico da historieta española que editou Santiago García, titulouse Panorama e alí estaban moitos dos autores de banda deseñada do momento, Álvaro Ortiz, Rubín, José Domingo, Rayco Pulido, etc.

Aquel libro, que como di no seu blog o propio Santiago Garcia “tiña por obxectivo principal divulgar, difundir e promover o cómic español” deu os seus froitos, recentemente Panorama foi publicado en estados unidos por Fantagraphics, unha das máis importantes editoras de cómic artístico e de autor no mundo, baste dicir que é a “casa” de Clowes, Hanselmann ou Ware, entre outros moitos.

Co gallo de esta publicación “norteamericana” de Panorama varios autores viaxaron ao SPX, o festival independente máis importante de EEUU, con máis de vinte edicións, e coa presenza dos autores e editores máis importantes.

spx2016

SPX 2016 – Foto de Sam Amago @Keemago

Por suposto, o interese de Fantagraphics é o xérmolo desta viaxe “comercial”, mais, é aí onde as institucións deben estar atentas para aproveitar iso que os políticos modernos chaman sinerxías, é abofé que a Embaixada de España andivo presta.

Según Santiago García: Foi fundamental a participación da Fundación Spain Arts & Culture da Emabaixada de España en Washington, que apoiou esta edición sufragando a tradución do libro e permitindo que unha selección dos autores que participan no libro viaxen a EEUU e participen en diferentes eventos que servirán para promocionalo”.

Neste punto chegamos a unha unha pregunta evidente: Porque non temos editado na Galiza un libro así? e da evidente, nacen outras non menos evidentes: Que fan as institucións galegas da cultura a prol da nosa BD? Porqué non hai un apoio decidido é forte á edición de BD en Galego?

Porén, a realidade é que recentemente a Xunta levaba a 25 autores galegos ata a Feira do Libro de Bos Aires, non foi convidado a ningún autor de BD.

Viñetas e Autobán o compromiso e a resistencia da nosa BD

Estes anos de crise serviron a algúns para paralizar ou mesmo reducir a mínimos a inversión en cultura, máis o Viñetas resiste e faino porque a organización soubo ser quen de implicar á cidade co festival, soubo repartir as exposicións e actividades, que a BD chegara a moitos currunchos, e sobre todo facer un modelo de festival amigábel, alonxado do modelo máis americano do consumismo puro, un modelo de festival noso, único, distinto e moi xeitoso, unha excepción no circuíto dos festivais de BD que goza de prestixio e éxito.

Viñetas2016 - Metrópoles delirantes

Foto: Viñetas desde o Atlántico

O Viñetas desde o Atlántico é un exemplo do que deberan ser este tipo de eventos culturais, moito respecto aos autores, ao medio, aos lectores, aínda que hai unha animada zona onde mercar libros, bonecos, camisetas ou fanzines, a prioridade é o contacto dos autores cos lectores, as interesantes e sempre amplas e variadas exposicións de orixinais, as charlas e presentacións, o importante é a BD. O resultado dese papel principal do medio sobre todo é, por unha banda o prestixio do que goza o festival coruñés, e por outra unha asistencia masiva, un ferver de xente de tódalas idades que se achega á BD, xente nova, turistas, coleccionistas, amantes do noveno arte e tamén cidadáns que descobren agora que na viñeta hai vida máis alá de Mortadelo, moita máis. Seguir lendo

A propósito de Entrecómics

Aquí en español.

Esta semana un pequeno terremoto sacudiu os alicerces da comunidade da banda deseñada en internet, o peche da web de Entrecómics. Tan mala nova, coma a priori, inesperada.

Entrecómics remataba de cumprir dez anos, neste tempo fíxose unha das webs de cabeceira de calquera seareiro da BD, bo contido e bos colaboradores, deseño moderno e razoablemente ben actualizada. Porén hai que entender que o mundo da internet é así, multiplica exponencialmente a velocidade da vida real, todo vai máis rápido na rede, moito máis, uns proxectos morren pero nacen outros, porque claro está a rede brinda unha oportunidade “de la hostia” para facer cousas que aos que vivimos nun mundo pre internet tennos tan marabillados como asustados. Seguir lendo

Viñetas con orgullo

O 28 de xuño celébrase internacionalmente o Día do Orgullo LGBT, unha xornada entre festiva e reivindicativa dos dereitos da poboación lésbica, gai, bisexual e transexual, que conmemora os disturbios acaecidos en 1969 no bar Stonewall de Nova York, os sucesos que se consideran o inicio do movemento de liberación homosexual. Son, xa que logo, datas propicias para imbuírse do espírito desta comunidade e coñecela un pouco máis, e unha forma inmellorable de facelo é lendo (ou relendo) algunha banda deseñada de temática gai. A petición das Metrópoles, ofrézovos unha escolma con propostas variadas entre as que de seguro atoparedes algo que vos interese.

Stuck-rubber-baby-Metropoles DelirantesStuck Rubber Baby. Se cadra, o cómic que mellor captura a esencia do Orgullo é esta novela gráfica pioneira, que desde que apareceu se considera un pouco o Maus da comunidade homosexual. Mesturando os seus propios recordos con eventos históricos, o debuxante Howard Cruse, antigo editor da antoloxía Gay Comix, constrúe un relato iniciático ambientado nas décadas dos 50 e os 60 en Clayfield, unha vila ficticia do sur estadounidense inspirada na súa Alabama natal. O narrador da historia é Toland Polk, un home de 40 anos que bota a vista atrás para lembrar connosco os seus turbulentos anos de mocidade nese ambiente racista e opresor. Presenciaremos como foi progresivamente tomando conciencia e aceptando a súa identidade gai, e como acabou implicándose no movemento polos dereitos civís. Cun estilo menos caricaturesco do que lle coñeciamos, Cruse presta particular atención ao detalle nunha minuciosa posta en páxina repleta de información visual e diálogos naturalistas que nos transporta a unha época moito máis escura para as minorías que a actual e que nos fará apreciar todo o que se leva avanzado na loita a prol da tolerancia. Seguir lendo

Valencia Línea Clara, o cómic no IVAM (e na Galiza, que?)

VLC-Linea-clara-Metrópoles DelirantesO IVAM ven de abrir as súas portas á xeración de artistas valencianos dos anos 80, “VLC. Valencia Línea Clara” é unha exposición comisariada por Álvaro Pons, que repasa as traxectorias dos autores do Movemento da Línea Clara a través de máis de 200 orixinais e unha ampla selección de obra gráfica e fotográfica de Miguel Calatayud, Sento Llobell, Mariscal, Mique Beltrán ou Daniel Torres entre outros moitos.

O IVAM ten a intención de ampliar no futuro a presenza dos cómics no museo con exposicións, material na biblioteca e distintas actividades, e quere situarse na liña na que xa están outros importantes museos de arte contemporánea coma o MOMA de Nova Iorque e o Louvre de París.

No entanto podemos deitar aquí unha pregunta: Cando se fará algo así no noso país?

Temos museos de arte contemporánea en Compostela, Vigo e Coruña, temos autores e produción de alta calidade desde os anos setenta, as exposicións do Viñetas son referente e a recente exposición de David Rubín na Fundación Luís Seoane, foi un éxito de público e crítica.

Na nosa terra parece ben claro que os museos tardarán en reaccionar e van seguir asistindo como espectadores pasivos á tendencia que iniciaron espazos tan “sacrosantos” da arte coma o Louvre ou o MOMA e aos que axiña seguiron no estado a Fundación Telefónica en Madrid ou agora o IVAM en Valencia. Non hai é interese no ámbito institucional que segue ignorando un sector importante e de senlleira tradición na nosa cultura, e tampouco hai capacidade de reacción no sector cultural para ser vangarda, porque segue arredor de si mesmo, máis preocupado de manter o ríxido status que levou aos museos a estar baleiros de público e alonxados do pobo.

Máis unha vez, demóstrase que a nosa bd vive orfa de apoios nas políticas culturais e que os espazos públicos galegos seguen ancorados noutra época. Sería unha magoa que a primeira exposición de autoras e autores galegos nun museo de arte contemporáneo se fixera fora do país.

Tempo de piratas e ilustrados

Descubertas científicas, novos estilos e innovacións nas artes, mudanzas clave nas fronteiras, cambios sociais drásticos… o mundo no que nos movemos hoxe non podería entenderse sen todo o acontecido durante o século XVIII, onde atopamos as raizames da modernidade. O Século das Luces foi ademais un dos contextos históricos preferidos para a vertente máis aventureira da BD, grazas ós numerosos personaxes que se moveron entre fronteiras: a das vellas e novas ideas, a das leis e a marxinalidade. E as mesmas viñetas tamén nos achegan detalles relevantes e case descoñecidos sobre o pasado.

A piratería: reflexo do poder da navegación

O século XVIII é unha das idades douradas da navegación, sendo décadas con constantes combates no mar entre as diversas potencias europeas. Cinguidos a ese mundo en conflito destaca a figura do pirata, que agocha unha realidade complexa de diferentes tipoloxías (corsarios, bucaneiros, filibusteiros…) e obxectivos persoais.piratas01-metropoles-delirantes

O espírito das lendas arredor de figuras coma o capitán Roberts ou Anne Bone trasladáronse ó cómic en multitude de cabeceiras durante os anos cincuenta-setenta, e onde predominou unha visión romántica: asaltaban barcos sen ningún tipo de compaixón pero fascinaban ós lectores máis novos con guións que souberon empregar as mellores técnicas narrativas do folletín. Entre todas elas sobresae o Barbarroja de Charlier e Hubinon, publicada no semanario Pilote e que cos seus máis de corenta anos de percorrido serve para coñecer coas súas tramas boa parte da historia naval do momento. Seguir lendo

As lecturas do Sr B: Los Buenos Veranos

Aquí en español.

Los buenos veranos-Metrópoles DelirantesO título, xa deixa ben claro de que vai este libro e mesmo anticipa que naceu para ser unha serie. En España publícase agora o primeiro número, mais en Francia e Bélxica xa va saír do prelo o segundo. Nesta nova serie guionizada polo prolífico Zidrou e con debuxo de Lafebre, imos coñecer as vacacións, e só as vacacións,  dunha familia belga dos anos setenta, os Faldérault, cada libro será un ano distinto, e non necesariamente en orde cronolóxico.

Este primeiro número, titulado Rumbo al Sur, é puro Zidrou, unha historia con varios personaxes, cada un coa súa importancia, cada un coa súa batalla interna, todos necesarios nunha historia que se vai tecendo co pasar das páxinas, ata lograr que todo sexa unha unidade perfecta. O belga é quen de contarnos a historia sen caer nas evidencias, insinuando os problemas, as preocupacións, e constrúe os personaxes dun xeito tan preciso que axiña temos unha opinión formada do carácter de cada un deles.

O pai da familia é un debuxante sen moito éxito que sempre chega tarde ás entregas e que fai que toda a familia teña que agardar por el para comezar as vacacións, a nai é unha muller sobre pasada polas labores diarias na casa, no traballo e cos fillos, en plena crise existencial, e os cativos… pois iso, son cativos, xogos, pelexas, ilusións, ledicia, emoción.

E si Zidrou é o que lles pon alma, Lafebre é quen lles pon cara, e tamén o que fai visible a linguaxe oculta do guión, a historia que hai detrás da que lemos, porque xa sabemos que a cara é o espello da alma.

Lafebre fai un excepcional traballo neste libro, coma un fotógrafo é quen de crear e moldear a luz, cun debuxo máis definido que en La Mondaine, pero sen perder ese estilo tan persoal, e cunha cor que é un elemento narrativo máis, porque este libro amais dunha historia conta un momento que é feliz, as vacacións en familia, nunha época na que non existían as pantallas de vídeo para os coches, que carallo, non existía nin o aire acondicionado. Coches pequenos, incómodos, lentos, os nenos brincando sobreexcitados pola viaxe, as maletas que medran e engordan no pequeno intre que as despegas do chan para metelas no maleteiro do coche, os interminábeis quilómetros, a calor… Unha aventura que os Faldérault saben converter no máis divertido das vacacións, a viaxe.

Un libro que gustará especialmente aos que andan pola corentena, porque de seguro que lles lembrará a súa propia existencia nun relato ben contado, coa dose xusta de humor, costumismo, drama e sobre todo que deixa un moi bo corpo. Un cómic vitalista como o pai desta familia, cunha historia sólida como a nai e un grafismo tolo e divertido coma os fillos.

Amais, nesta época de novelas gráficas, na que o número de páxinas outorga un (irreal) plus de calidade, o formato álbum francés de medio cento de páxinas e tamaño grande paréceme un acerto.