Arquivos da etiqueta: Álvaro Pons

Metrópoles Delirantes 84 – Álvaro Pons

Comezamos programa co Sr B e as novas da BD a todo filispím. Xaime Lis escolle dos seus andeis cósmicos a un autor dos seus preferidos, Nicolás de Crécy. Enrolamos a Álvaro Pons, un dos máis reputados críticos e divulgadores da BD, con el falamos do estado das cousas dos tebeos.

As músicas desta emisión son:

  • Astrud – Todo nos parece una mierda.
  • King Gizzard & The Lizard Wizard – Polygondwanaland.
  • Els amics dels Arts – Jean-Luc.
  • Jimi Hendrix – All Along The Watchtower.
  • Morrisey – First of the gang to die.

Valencia Línea Clara, o cómic no IVAM (e na Galiza, que?)

VLC-Linea-clara-Metrópoles DelirantesO IVAM ven de abrir as súas portas á xeración de artistas valencianos dos anos 80, “VLC. Valencia Línea Clara” é unha exposición comisariada por Álvaro Pons, que repasa as traxectorias dos autores do Movemento da Línea Clara a través de máis de 200 orixinais e unha ampla selección de obra gráfica e fotográfica de Miguel Calatayud, Sento Llobell, Mariscal, Mique Beltrán ou Daniel Torres entre outros moitos.

O IVAM ten a intención de ampliar no futuro a presenza dos cómics no museo con exposicións, material na biblioteca e distintas actividades, e quere situarse na liña na que xa están outros importantes museos de arte contemporánea coma o MOMA de Nova Iorque e o Louvre de París.

No entanto podemos deitar aquí unha pregunta: Cando se fará algo así no noso país?

Temos museos de arte contemporánea en Compostela, Vigo e Coruña, temos autores e produción de alta calidade desde os anos setenta, as exposicións do Viñetas son referente e a recente exposición de David Rubín na Fundación Luís Seoane, foi un éxito de público e crítica.

Na nosa terra parece ben claro que os museos tardarán en reaccionar e van seguir asistindo como espectadores pasivos á tendencia que iniciaron espazos tan “sacrosantos” da arte coma o Louvre ou o MOMA e aos que axiña seguiron no estado a Fundación Telefónica en Madrid ou agora o IVAM en Valencia. Non hai é interese no ámbito institucional que segue ignorando un sector importante e de senlleira tradición na nosa cultura, e tampouco hai capacidade de reacción no sector cultural para ser vangarda, porque segue arredor de si mesmo, máis preocupado de manter o ríxido status que levou aos museos a estar baleiros de público e alonxados do pobo.

Máis unha vez, demóstrase que a nosa bd vive orfa de apoios nas políticas culturais e que os espazos públicos galegos seguen ancorados noutra época. Sería unha magoa que a primeira exposición de autoras e autores galegos nun museo de arte contemporáneo se fixera fora do país.