Arquivos da etiqueta: Bolsas de creación

A Deputación da Coruña convoca vinte bolsas de estudos artísticos

A área de Cultura da Deputación convoca vinte bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos nas que inclúe a banda deseñada.

Artes plásticas e visuais, danza e artes do movemento, teatro, música, audiovisual e ilustración e banda deseñada son os distintos ámbitos das bolsas coas que a área de Cultura quere apoiar a formación de creadores e creadoras en centros de referencia das súas disciplinas.

As bolsas da área de Cultura da Deputación da Coruña permitirán que vinte creadoras e creadores completen a súa formación en centros de referencia de fóra de Galicia nas distintas disciplinas de creación artística que, neste edición, amplían o seu abano coa incorporación de audiovisual e ilustración e banda deseñada.

Cada persoa beneficiaria recibirá un total de 9.000 € co que poderán financiar o gasto da realización de estudos artísticos durante o período 2017-2018. Cada participante poderase presentar só en tres convocatorias das bolsas. En total, a área de Cultura da Deputación destina este ano 180.000 € para as vinte bolsas que se reparten en seis modalidades, oito para a área de música, tres de teatro e interpretación, tres de artes plásticas e visuais, e dúas nas outras tres especialidades, é dicir, danza e artes do movemento, audiovisual e ilustración e banda deseñada.

“Coas bolsas queremos apoiar a formación artística en ámbitos en que completar os estudos é especialmente custoso e require investimentos que moitas persoas non poden soportar. Para nós, é importante manter este apoio que reverterá no futuro da nosa creación cultural”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.