Arquivos da etiqueta: ECC

Metrópoles Delirantes 70 – David Fernández – ECC

Abrimos coas novas da BD, a todo filispím. Nos imprescindíbeis cabalgamos co vaqueiro que é «máis rápido que a súa sombra», Lucky Luke, un dos grandes personaxes da BD Franco-Belga que ven de cumprir 70 anos. No tempo da entrevista falamos con David Fernández un compatriota que traballa na editorial ECC e que nos dará a súa visión do sector do cómic no estado. Rematamos coas novidades que trae Javi, dende a libraría A gata tola de Compostela. Todo «salseado» con músicas tremendas.

As músicas desta emisión son:

  • León Benavente – La Ribera.
  • The Velvet Underground – Oh! Sweet Nothin’.
  • Allah-Las – Sacred Sands.
  • Ataque Escampe – Papá Borracho.
  • Los Planetas – Islamabad.

Chiisakobe gaña o Premio Asia 2016 da ACBD

Chiisakobe01O premio Asia da ACBD (Asociación francesa de críticos da BD) foi para a obra de Minetarô Mochizuki que se impuxo entre un grupo de cinco finalistas.

Este prestixioso premio, recoñece cada ano unha obra creada por un autor asiático, e publicada por unha editorial francesa. O xurado recoñece así o talento e o esforzo de Minetarô Mochizuki, que é quen de reflectir a alma da cultura xaponesa. Os cinco finalistas deste ano foron: Os nenos da balea (Glénat), Anguías demoníacas (Komikku), O Clube dos divorciados (Kana), Desafortunados homes novos (Ki-oon) e a vencedora Chiisakobe editada en España por ECC.

LogoACBD-AsiaChiisakobe conta a historia de Shigeji, xoven carpinteiro que nun incendio perde aos seus pais e a empresa de construción que posuían, o protagonista regresa ao fogar para retomar a empresa familiar, este regreso coincide coa chegada de Ritsu, amiga da infancia a que contrata coma asistente, e a dun grupo de nenos que escapan dun orfanato. Esta obra é unha versión libre dunha novela de Shûgorô Yamamoto ambientada no período Edo, que tamén tivo unha adaptación cinematográfica (Tomotaka Tasaka, 1962), Minetarô Mochizuki traslada a acción ao Xapón contemporáneo.

As lecturas do Sr B: GoGo Monster

Aquí en español.

GoGo Monster1-Metrópoles DelirantesAínda que o mundo do manga é inmensamente amplo e de impresionante riqueza temática, o enorme éxito dalgúns dos seus “buques insignia”, coma Naruto, Termae Romae ou Dragon Ball, eclipsan a outras grandes obras do lonxano país nipón, que non teñen as cifras de vendas destes, pero que si teñen unha altísima calidade gráfica e literaria, este é o caso.

En GoGo Monster asistimos á vida diaria de Tachibana, un adolescente xaponés con tendencia á soidade, que está en contacto dalgún xeito con “algo” que só el pode ver, uns entes que ás veces xóganlle malas pasadas. O entorno de Tachibana redúcese a Suzuki, un neno máis integrado na sociedade, que é o novo estudante na escola, e que ao facerse amigo de Tachibana vai descubrindo (e nós con el) o que sucede, e I.Q. un rapaz que vai sempre cunha caixa tapándolle a cabeza e que ao igual que Tachibana parece ter problemas de integración.

GoGo Monster2-Metrópoles DelirantesEste libro é indubidabelmente oriental, tanto na temática, esa sorte de terror psicolóxico adolescente que triunfa no país nipón, sobre todo no cinema, coma no ritmo, no etéreo, misterioso e estrañamente belo e alonxado do occidental da historia.

Artisticamente fuxe do estilo típico do manga máis maioritario, Matsumoto manexa con acerto un estilo máis “relaxado”, case simplista, con momentos de debuxos cáseque bosquexados, deliberadamente indefinidos, cos que nos transmite as sensacións que vive o protagonista, cunha buscada perda do real para difuminar as percepcións, como un xeito de abstraer o guión e deixalo en máis suxerencia que concrección.

GoGo Monster3-Metrópoles DelirantesTodo nesta obra está insinuado e deixado a libre interpretación, Tachibana ve monstros que nós nunca vemos e ten dous únicos amigos tan distintos como os camiños que pode tomar a súa vida nese momento de abandonar a infancia.

Matsumoto, utiliza a súa poética para contarnos o que pode ser toda unha historia de terror paranoide ou a metáfora da vida aliñada debidamente coa sutil (ou non tanto aquí) espiritualidade xaponesa, aínda que con moita probabilidade sexa as dúas cousas.

As lecturas do Sr B: Nankin, La ciudad en llamas

nankin-Metrópoles DelirantesAquí en español.

En occidente somos ben conscientes das barbaridades cometidas polas potencias do eixo europeas da Segunda Guerra Mundial, sobre todo polos nazis; o que non temos tan presente son as atrocidades do exercito xaponés, que invadiu aos seus veciños e impuxo, as mesmas políticas xenocidas que os nazis impuxeron en Europa.

Nankin, ciudad en llamas, é unha banda deseñada na que Ethan Young aborda un dos capítulos máis devastadores, e aínda hoxe controvertidos, da Segunda Guerra Mundial en Asia. Para facermonos unha idea da masacre cometida en Nankin, as cifras de mortos que se barallan polos historiadores rondan as 300.000 persoas.

A finais de 1937 o exercito imperial nipón conquista a cidade de Nankin, importante porto na beira do Yang-tse, e moitos soldados do exercito chinés, o kuomitang, quedan atrapados na cidade. Nesta situación están os dous protagonistas desta historia, un capitán e un soldado chineses, que deciden tentar chegar ata a zona segura da cidade, onde estaban refuxiados os estranxeiros. É a historia dunha fuxida que serve de pantalla ao autor para contar as atrocidades cometidas nesa cidade polos soldados imperiais, asasinatos de civís, violacións, roubos e saqueos. Mais outro dos episodios vergoñentos da humanidade, outro xenocidio. Sigue lendo