Arquivos da etiqueta: Emilio Fonseca

Metrópoles Delirantes 74 – Emilio Fonseca

Comezamos esta emisión a todo filispím, co Sr B e as novas da BD. Zapi volve ata as metrópoles para falar dos fillos de Victor Mora, nesta emisión dos tebeos xurásicos Jabato, o Corsario de Hierro e o Cosaco verde. Emilio Fonseca e o autor de Fóra de mapa, a obra gañadora do último Premio Castelao de Banda desenhada. Rematamos con Javi que ven dende a libraría A Gata Tola de Compostela cos libros máis interesantes.

As músicas desta emisión son:

  • Bonaparte – Fuck Your Accent.
  • Earth, Wind & Fire – Boogie Wonderland.
  • Chicharrón – Contra acantilados.

Emilio Fonseca gaña o XI Premio Castelao de Banda Deseñada

Emilio Fonseca Martín é o gañador do XI Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña coa obra “Fóra de mapa”, o xurado destacou a necesidade de abrir unha nova liña destinada a público infantil e xuvenil.

O xurado desta edición estivo composto polos autores Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales e Jorge González Varela e presidido por Goretti Sanmartín, responsábel da área de Cultura da Deputación.

O xurado apreza en “Fóra de mapa” unha obra de gran ambición “cun guión rico, ben documentado e estruturado; un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante”.

Salienta tamén a calidade da obra finalista “Terra incógnita”, na que destaca o “interese da historia e as solucións gráficas empregadas”, polo que recomenda a súa publicación.

O xurado tamén recomendou a creación dunha nova categoría para banda deseñada destinada ao público infantil e xuvenil. A responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, valorou especialmente esta proposta que contribuiría a crear novo público lector de banda deseñada na nosa lingua.

Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978), reside en Barcelona e é licenciado e investigador en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid. Ten traballado no ámbito do vídeo, a animación, a ilustración, páxinas web ou recursos educativos e artigos de investigación e fundou, xunto a Xiana Gómez-Díaz a produtora audiovisual Walkie Talkie Films. Dirixiu o documental “Queimar o monte”, sobre os incendios forestais en Galicia e partipou tamén no proxecto de cooperación española Chaco Ra´anga, para o que realizou o cómic “Verde Invisible”, sobre o Gran Chaco latinoamericano.