Arquivos da etiqueta: Emma Ríos

MD75 – Luis Bustos

Abrimos programa a todo filispím, co Sr B e as novas da BD. Nos imprescindíbeis, anotamos unha obra recente e absolutamente saborosa, I.D. de Emma Ríos. Falamos con Luis Bustos das súas obras pasadas e da recente Puerta de luz, tamén de Kubrick, Haneke e o apocalípsis, porque somos uns culturetas de carallo. Javi veu dende a libraría A Gata Tola de Compostela cos libros máis interesantes e as barbas máis longas.


As músicas desta emisión son:

  • The Cure – Friday, I´m in love.
  • Igmig – Marcho para a selva.
  • Sen Senra – Last Time Wasn’t The Last Time.
  • Sigur Rós – Starálfur.
  • Zuco 103 – Nunca máis.
  • Rolling Stones – Monkey man.

As lecturas do Sr B: I.D.

Aquí en Español.

Que Emma Ríos xa está na lista de grandes nomes da banda deseñada está fora de dúbida, mais se ata agora a súa faceta como debuxante era a máis coñecida, con este I.D. pon enriba da mesa as súas credenciais de autora completa e confirma o que xa sabiamos os admiradores do inconcluso APB, é tan boa no guión coma no debuxo.

Da man de Astiberri, chéganos este excelente libro de ciencia ficción que foi publicado de xeito seriado en Island (Image Comics), a revista editada nos USA que Emma codirixe con Brandon Graham.

I.D. é unha distopía na que a autora plantexa unha dúbida tan complexa como inherente ao ser humano, a da desconformidade co propio corpo e como esta afecta á propia identidade, abre así nesta historia unha “caixa de Pandora” con multitude de frontes, éticos, psicolóxicos e humanos.

Partindo da premisa de que a identidade reside no cerebro e nun un escenario no que o transplante de tal órgano é factible, a empresa que fai esta intervención busca voluntarios para someterse á perigosa operación, as tres persoas candidatas quedan nunha cafetería para coñecerse e compartir as súas inquedanzas, Noa é un home atrapado no corpo dunha muller, Miguel quere fuxir dun pasado conflitivo e Charlotte afirma que quere cambiar “porque está soberanamente aburrida” aínda que esta razón semella ser tan feble como falsa. Cada un destes personaxes ten unha motivación suficientemente forte para arriscar a vida nun tratamento moi complexo medicamente e ultra complexo ética e psicoloxicamente.

Os tres personaxes dotan dunha forza especial á historia, axiña podemos identificarnos con algún (ou con todos), proba de que están ben definidos e encaixan nunha historia breve pero espléndida.

Emma Ríos acada un nivel excepcional na conxunción do guión co debuxo, deixa respirar as páxinas co texto xusto e desde as primeiras páxinas dálle ao lector o seu propio espazo, abre moitos interrogantes que non pecha, que cada un de nós respostaremos establecendo un dialogo coa historia e retrata rapidamente con sutís pinceladas unha sociedade ambientada nun futuro indefinido no que o mundo non parece ser mellor, no que perduran moitos dos problemas actuais que seguen a resolverse da mesma forma, con violencia policial ou con cartos suxos.

Aínda que é unha historia breve para os estándares do cómic actual, a Ríos dálle tempo a deitar dúbidas, amais das propias dun tratamento tan agresivo, sobre certos aspectos das sociedades modernas, a prensa, a soidade, o financiamento e a ética dos grandes complexos médicos-farmaceuticos.

Ríos xoga neste libro coas súas influencias do manga, cun trazo vigoroso, coas composicións de páxina arriscadas, heteroxéneas, as calles entre viñetas aparecen e desaparecen, separan viñetas ou as veces dividen unha ilustración en dous, cambian de cor, utiliza a superposición dos cadriños, en fin, experimenta co aspecto gráfico do libro sen complexos e despregando un sen fin de solucións que lle aportan un dinamismo extraordinario. Outro aspecto curioso é a cor, utiliza un bitono vermello que é unha aposta arriscada, e ao noso entender, acertada. Mención aparte merece a portada, dunha elegancia e sutilidade marabillosa e delicada e cun onírico significado no que se unen as polas dunha árbore e as terminacións neuronais.

Proba da seriedade coa que aborda Ríos os proxectos é que buscou o asesoramento do neurólogo Miguel Alberte Woodward, que firma un texto final de divulgación que axuda moito a entender a complexidade do tema que aborda esta banda deseñada.

Esta recensión foi publicada en setembro de 2016 na revista Tempos.

Exposición de Emma Ríos na Coruña

fkm-emma-rios-metropoles-delirantesO Festival de Cinema Fantástico da Coruña, FKM, continuando coa serie de exposicións que ven realizando na Fundación Luís Seoane sobre a obra de ilustradores galegos, presenta a exposición Bella Muerte, da autora galega Emma Ríos. A exposición constará de 72 obras orixinais a tinta pertencentes á primeira e segunda parte (aínda inédita en España) do libro homónimo e a outras obras, como I.D., o seu último traballo, no que amáis debuta como autora completa. Esta exposición complétase cunha intervención mural realizada pola artista na mesma sala.

A inauguración terá lugar mañá sábado 1 de outubro ás 13:00h na Fundación Luís Seoane. A autora compartirá a súa experiencia e asinará exemplares da súa obra. Ademais teremos a oportunidade de degustar a cervexa artesá de trigo Bandua amenizada cunha selección musical da propia autora.

Esenciais 2016 da ACDCómic (1º semestre)

esenciais-acdcomic-1er-semestre-metropoles delirantesA “Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic” ven de publicar a primeira quenda dos seus Esenciais 2016, unha selección de cómics coa que esta organización pretende chamar á atención sobre algunhas das obras máis destacadas das editadas no estado.

A lista de ‘Esenciais’ preséntase coma unha guía de lectura, e pódese ver en acdcomic.es/esenciales2016. Son 25 novidades publicadas entre xaneiro e xuño de 2016, elixidas en votación por 43 dos integrantes da ACDCómic.

A selección contén unha variada mostra do que ofreceu o mercado da banda deseñada no estado na primeira parte do ano. Así, hai clásicos como ’13, Rue del Percebe’, de Francisco Ibáñez, recuperado a primeiros de ano en edición integral; obras de autores españois consagrados, coma ‘El ala rota’, de Altarriba e Kim, ou ‘Crisálida’, de Carlos Giménez; tamén apostas de vangarda, coma ‘Sirio’, de Martín López Lam, e mesmo tebeos publicados directamente na rede, coma ‘¡Universo!’, de Albert Monteys. Tamén temos representación galega co I.D. de Emma Ríos e o Presas Fáciles de Miguelanxo Prado.

Esta selección presentase coma unha ferramenta para animar a lectores, bibliotecas, libreiros e calquera outro tipo de colectivos culturais a descubrir obras destacadas. A lista vai acompañada duns breves apuntes sobre cada obra elixida, que a sitúan e contextualizan axiña, amais de accesos directos a recensións e comentarios realizados por membros da asociación para diferentes soportes e medios de comunicación.

Metrópoles Delirantes 56 – Emma Ríos

Emma Ríos-Metrópoles DelirantesDerradeira emisión desta tempada, é amais moi peculiar, comezamos falando da actualidade coas novas da bd a todo filispím, e desta volta si que son a todo filispím. Embarcamos na dorna das Metrópoles a Emma Ríos, e facémoslle unha entrevista ben longa na que conta cousas moi interesantes. Esta autora galega confirma no seu novo libro ID que é tan boa guionista coma debuxante. Rematamos coas novidades, que desta volta chegan desde a tenda de Metrópolis cómics da Coruña con Diego Rois.

ID-Emma Ríos-Metrópoles Delirantes
As músicas desta emisión son:

  • The Go-Go Train – Mike Stevens & The Shevells.
  • Goldfrapp – Laurel.
  • Scott Walker – The Seventh Seal.

Breve escolma de autoras galegas

Na BD galega, por sorte, temos un bo número de autoras, é quixemos facer unha pequena escolma, por suposto que hai máis, pero agardamos que esta sexa a primeira de moitas, porque queremos ver como esta listaxe non para de medrar.

Bella muerte-Metrópoles DelirantesEmma Ríos.

Cunha traxectoria impecable, é a nosa autora máis internacional. Despois de pasar por Marvel, comezou un proxecto persoal con Kelly Sue DeConnick que foi publicado en España pola editorial Astiberri co título de Bella Muerte. Amáis ven de poñer a andar unha revista de bd nos estados unidos con Brandon Graham chamada “Island”.

Mccactus-Metrópoles DelirantesXulia Pisón.

Ven de gañar o premio Xuventude Crea de cómic. Unha das autoras máis interesantes da longa nómina galega, o seu fancine McCactus é un éxito de vendas en cada festival de autoedición, sen dúbida un valor seguro da rica canteira Coruñesa, que xa traballa en obras máis longas que agardamos impacientes.

Anna Dedalus-Metrópoles DelirantesXulia Vicente.

Cun persoal estilo e unha traxectoria, aínda sendo moi nova, xa longa no fanzinismo. Xulia é unha das realidades máis sólidas da BD galega. Recentemente presentou o libro “El misterio de la mansión quemada”, feito con Miguel A. Giner Bou e Núria Tamarit. Publicou en importantes fanzines coma Sacoponcho, Nimio, Arrós negre. Gañou un feixe de premios entre eles o das  Xornadas de BD de Ourense 2013.

alicia-jaraba-ad-libutum-Metrópoles DelirantesAlicia Jaraba.

De de seguro que esta autora viguesa vainos dar horas e horas de bo cómic, non para de gañar premios de cómic, tanto no país coma no estado español, e de feito xa gañou varias veces o premio das Xornadas de Bd de Ourense. Ilustra libros para editoriales francesas e tamén está a preparar diversos proxectos de cómic.

 

Havarti party-Metrópoles DelirantesRoberta Vázquez.

Publica en revistas e fanzines, a compostelana, é autora de Havarty Party, un libro excelente publicado por ese milagre editorial vigués que é Fosfatina. Roberta é un prodixio de productividade, publica en mil sitios e en mil fanzines, creadora dun personalísimo e surrealista universo habitado por animais antropomorfos.

 

taiga-Metrópoles DelirantesCynthia Alfonso (Zynvaites).

Outra das autoras ás que debemos seguir ben pretiño. Integrante do colectivo Cabeza de corte aéreo e multipremiada tamén en distintos certames é habitual de distintos fanzines, entre eles os interesantísimos Nimio e Taiga.

 

Julia Huete-Metrópoles DelirantesJulia Huete.

Esta Ourensana é outra autora do “movemento Fosfatina”, experimental e arriscada, as propostas de Julia son pura xenialidade. É deseñadora e artista plástica, traballa a autoedición, o cartelismo e o cómic dende a pintura.

 

VideoclubFZN-Metrópoles DelirantesInés Casarejos.

Si vedes un fanzine cun estrano formato, moi alongado e estreito, titulado “Videoclub”, é obra de Inés. Un “must” en calqueira bedeteca. Tamén ten colaborado en diversos fanzines, coma Hormigas o Ilustrísimas, e na web de Tik Tok.

Emma Ríos, premio á mellor debuxante na Expocómic 2015

Estes días estase a celebrar o Expocómic en Madrid e como cada ano, onte fixeron públicos os seus premios, desta volta a nosa Emma Ríos acadou o de Mellor debuxante pola excelente “Bella Muerte” editada en España por Astiberri.

  • bellamuerte-metropoles-delirantesMellor fanzine do ano: Las aventuras de Baltasar y Franco (Hipiti Lover).
  • Mellor autor revelación: Cristina Laura (Todas putas).
  • Mellor webcómic: Moderna de pueblo.
  • Mellor debuxante nacional: Emma Ríos (Bella Muerte).
  • Mellor guionista nacional: El Torres (El fantasma de Gaudí).
  • Mellor obra nacional: Los caballeros de la Orden de Toledo (Juanfran Cabrera y Javierre).
  • Mellor obra internacional: Ojo de halcón (Matt Fraction e David Aja).
  • Premio Oso: Alfonso Azpiri.
  • Premio Madroño: Acción Cultural Española.

Vía