Arquivos da etiqueta: Polvo Editora

As lecturas do Sr B: Os Vampiros

Aquí en español.

Eles comen tudo e nâo deixam nada.

Foto: www.laxantecultural.com

Despois de publicar catro entregas dunha das obras máis exitosas da banda desenhada portuguesa, Dog Mendonça e Pizzaboy, (absolutamente recomendábel) o guionista Filipe Melo e o debuxante Juan Cavia volven con esta excelente “Os vampiros”, unha novela gráfica de máis de duascentas páxinas cun evidente salto cara adiante nas aptitudes narrativas de ambos. Esta historia viaxa por territorios que sempre son difíciles; pola temática, a guerra de liberación colonial da Guiné-Bissau e pola dimensión certamente psicolóxica que sobrevoa o relato.

Un grupo de soldados portugueses nunha expedición na fronteira co Senegal entran na selva en segredo, a medida que avanzan e aparecen os inimigos e o cansazo, non tardan en chegar os problemas, alén diso, os demos interiores que camiñan con cada personaxe atopan nesa situación un ecosistema ideal para converter en pesadelo a misión.

Como dicíamos, Cavia e Melo non deixan de mellorar e evolucionar como autores, vese moi claro nos catro números da súa obra anterior, mais nesta realmente acadan outro nivel. O guión sólido e ben armado (permítanme a brincadeira, nunca mellor dito) cun ritmo narrativo excelente que dende a presentación dos personaxes ata o final vai en crescendo e non deixa decaer a lectura nunca, uns personaxes moi ben construídos, as faíscas precisas de humor, intriga e mesmo terror, e unha atmosfera opresora e abafante que se transmite en cada páxina, é feito imaxe pola arte de Cavia, fermosa, colorista e ben traballada, cun dominio dos encadres e da luz que fan que guión e debuxo se fundan á perfección.

Aínda que moitas veces se abusa do símil cinematográfico para explicar unha bd, neste caso é imprescindíbel, ambos autores teñen traballado no cinema, e de certo que se nota. A estrutura do guión, os elementos que combina sabiamente Melo e os deseños de cadriños maioritariamente en formato panorámico apelan, sen dúbida, ao noso subconsciente cinéfilo e mobilizan ese mecanismo máxico que fai que o real pase, por medio da lectura, da pulsión escópica á realidade imaxinada de xeito natural e involuntario para descubrírmonos inmersos na nosa propia película.

Melo e Cavia arman un impresionante relato que conecta, a través do título da coñecida canción do poeta e cantor Zeca Afonso, as guerras coloniais (houbo un comando real que combateu na Guiné-Bissau que se chamaba Vampiros), cos monstros e o terror que mora en cada home e en cada guerra.

Esta recensión foi publicada en decembro de 2016 na revista Tempos.